TR341D – XEMPRE AUTÓNOMO. Fomento do emprego autónomo.
O obxectivo deste programa é a concesión de axudas económicas a aquelas persoas desempregadas que pretendan exercer a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia para facer fronte aos distintos gastos xerados ao inicio da actividade.
Subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou nunha Mutualidade de Colexio Profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidos nela, se formalicen entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023, ambos inclusive.
Persoas beneficiarias e requisitos
- Novos autónomos
Teñen dereito a esta subvención as persoas que se dean de alta definitivamente no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou nunha Mutualidade de Colexios Profesionais entre o 1 de outubro de 2022 e o 29 de setembro de 2023 como propietarios ou copropietarios da empresa ou explotación, sempre que cumpran as seguintes condicións:
a) Estar inscritos como demandantes de emprego no momento da alta na vida laboral como autónomos ou, no caso de mutualistas, mediante certificado da mutua, carecendo de ocupación efectiva segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social e atoparse en tal situación na data de inicio da actividade laboral.
b) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
c) Estar dado de alta no imposto de actividades económicas.
d) Desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia (segundo alta no imposto de actividades).
e) Ter o domicilio fiscal en Galicia.
f) Non ter percibido subvencións ao abeiro dos distintos programas de autoemprego nos 3 anos anteriores á data de inicio da nova actividade.
g) Non ter realizado como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade nos 6 meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade nin que estivesen dados de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social ou nunha Mutualidade de Colexio Profesional, sempre que esa situación de alta supoña actividade nos 3 meses inmediatamente anteriores.
- Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa as persoas traballadoras autónomas ou autónomos por conta propia cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que o soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.
Contía da axuda
Establécense para todas aquelas persoas que teñan a condición de beneficiarias segundo a súa situación no momento do inicio da actividade laboral as seguintes contías:
1) 2000 € para persoas desempregadas en xeral.
2) 4000 € no caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:
- Persoas menores de 30 anos.
- Persoas desempregadas de longa duración.
- Persoas desempregadas con discapacidade ou en situación de dependencia.
- Persoas desempregadas que se atopen en situación ou risco de exclusión social.
- Persoas maiores de 55 anos.
3) A contía incrementarase nun 25% nos seguintes casos:
- Se a persoa incorporada é unha muller.
- No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) do autónomo estea situado nun concello do rural.
- Persoas maiores de 45 anos.
- Se a persoa incorporada é unha persoa retornada ou emigrante estranxeira.
- Persoas transxénero
- Profesións e oficios nos que as mulleres están infrarrepresentadas, segundo informe do Instituto Galego das Cualificacións.
Estes seis incrementos son acumulativos e, polo tanto, o importe máximo posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 10000 €.
Prazo de presentación
O prazo de presentación de solicitudes será dende o 25 de xaneiro de 2023 ata o 29 de setembro de 2023.