O Goberno Local aprobou, o expediente de contratación das obras de eficiencia enerxética na iluminación pública do parque empresarial Novo Milladoiro, incluídas na subvención da Xunta de Galicia para a habilitación e mellora das infraestruturas de polígonos empresariais. O orzamento de licitación é de 52.254,65 euros. Este proxecto súmase ás melloras aprobadas recentemente para a mellora da luminaria en dito parque empresarial, na zona residencial e das instalacións deportivas por 70.218,59 euros.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, recalca a “aposta do goberno do Concello de Ames pola mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións, sexa en edificios públicos coma na iluminación pública”. Nieto finaliza destacando que con estas actuacións “quedarán totalmente renovadas as luminarias do parque empresarial”.
Este proxecto pretende actuar na zona que atinxe ao parque empresarial e polígono industrial de Novo Milladoiro, así como a parte da zona residencial. Esta renovación farase segundo os estándares da normativa específica da iluminación pública no exterior, con criterios de calidade lumínica da novas luminarias, factor de cegamento e minimizando a contaminación lumínica.
O Concello de Ames conta con auditorías enerxéticas como mellor método de avaliación das infraestruturas existentes e tamén como mellor sistema para avaliar posibles investimentos en eficiencia enerxética como a que se realizou no 2015 do sistema de iluminación pública do concello, que mostraba as ineficiencias e oportunidades de mellora nos diferentes equipos que o compoñían. Todas as actuacións foron realizadas nos últimos tempos no núcleo do Milladoiro.
Unha vez rematadas as obras, que se sumarán ás melloras de eficiencia enerxética aprobadas o pasado 27 de xullo en Xunta de Goberno Local para a zona residencial e as instalación deportivas do Novo Milladoiro, quedará completa a renovación luminaria de todo o parque empresarial, de xeito que se mellorarán cualitativamente os aspectos da calidade de iluminación, factores de cegamento, contaminación lumínica e redución do consumo enerxético, garantindo un uso sustentable das instalacións e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.
O Concello de Ames dispón para este proxecto dunha axuda económica da Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, destinada a sufragar a habilitación e mellora dos polígonos empresariais da comunidade.