O Milladoiro e Santiago únense o 24 de outubro na I Marcha Prevención do Dano Cerebral

Camiña connosco: cada paso é prevención, cada donativo é axuda real para que a Asociación de Dano Cerebral Santiago de Compostela poida ampliar as súas instalacións

 

O Milladoiro e Santiago únense o 24 de outubro na I Marcha Prevención do Dano Cerebral

O 24 de outubro de 2026, ás 10:00 horas, sairá desde O Milladoiro a I Marcha Prevención de Dano Cerebral, unha andaina popular e solidaria que percorrerá 4,9 kilómetros ata a sede da Asociación Dano Cerebral Compostela, na zona de Castiñeiriño-Restollal, en Santiago de Compostela. A proba, cun tempo estimado de arredor de hora e media, está organizada pola Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novomilladoiro (AEPEM), coa colaboración dos concellos de Ames e Santiago de Compostela e é benéfica.

A iniciativa nace coa vontade de contribuír ao financiamento das novas instalacións que a asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela está a construír, unha ampliación necesaria ante o aumento constante do número de usuarios que precisan os seus servizos.

Un percorrido pensado para camiñar en comunidade

A marcha, de carácter popular, aberta a todo tipo de participantes —non hai categorías nin niveis competitivos—, sairá do Centro Multifuncional do Milladoirio, na rúa do Muíño Vello, na esquina coa rúa dos Agriños, en Ames, e finalizará na rúa Pedro Cabezas González, número 3, en Santiago. O trazado reaproveita boa parte da nova senda peonil e ciclista da Xunta de Galicia entre ambos os núcleos, deseñada precisamente para minimizar o contacto cos vehículos e facilitar o desprazamento seguro a pé.

Tamén participarán as persoas usuarias e as familias da entidade, que poderán incorporarse á marcha en diferentes puntos do percorrido, facilitando así a participación e adaptación ás posibilidades de cada persoa.

O punto de maior altitude do recorrido sitúase preto da saída de O Milladoiro; a partir de aí, a ruta transcorre maiormente en chan ou en lixeiro descenso. A organización recomenda calzado axeitado para terreo irregular, xa que no tramo do túnel de Conxo pode haber algo de humidade.

Inscrición, seguros e destino da recadación

A participación na marcha ten un custo de 8 euros, cantidade que inclúe a inscrición, o seguro de accidentes, así como o donativo para a causa. Os menores de 14 anos, non pagan.

Existe ademais unha modalidade de inscrición solidaria en fila 0, por 3 euros, pensada para quen queira colaborar sen participar presencialmente na marcha.

Unha vez descontados o gasto de seguros e inscrición, a totalidade do remanente será destinada de forma íntegra á asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela.

Como recoñecemento á participación, sortearanse tres premios simbólicos, doados por empresas colaboradoras do parque empresarial do Milladoiro, entre elas a Clínica Fisioterapia Laura Míguez, Cesta Pan de Leis e a clase monitorizada de Unit 365. 

Unha meta cargada de simbolismo

A elección do punto de chegada non é casual. Que a marcha remate precisamente nas instalacións da asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela busca poñer en valor un servizo que non deixa de medrar en demanda. A necesidade de ampliar estas infraestruturas é reflexo dunha realidade que afecta a cada vez máis familias: a de ter que reconstruír, paso a paso, a vida despois dun dano cerebral adquirido.

Cruzar a liña de meta neste centro obriga a toda a comunidade participante —veciñanza, institucións e entidades colaboradoras— a coñecer de primeira man as novas áreas do edificio e a comprender a importancia de sostelo no tempo.

Ademais, para que as persoas participantes poidan contribuír coa causa, á chegada habilitarase un stand da tenda solidaria da entidade, con produtos elaborados por persoas con dano cerebral, así como un stand con produtos típicos da gastronomía galega, doados polas empresas colaboradoras. Todos os produtos estarán á disposición para a súa compra, tanto das persoas participantes como de quen se achegue pola contorna.

A xornada completarase cun sorteo de produtos doados polas empresas colaboradoras, como parte das actividades previstas para a chegada da marcha.

Ames, un fluxo diario cara á rehabilitación

A asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela non é un recurso illado para a súa contorna. Numerosas persoas do Concello de Ames desprázanse alí a diario para recibir tratamentos de fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional ou apoio psicolóxico, o que converte este centro nun piar fundamental na recuperación de moitas familias da zona.

A organización resume así o sentido da proba: a andaina comeza movendo as pernas para coidar o corazón e o cerebro, e remata no lugar onde se axuda a quen, por mor dun dano cerebral, ten que aprender de novo a dar cada paso. Un círculo pechado entre a prevención a través do exercicio físico e a solidariedade coa rehabilitación.

Por que a cidadanía debe implicarse

O dano cerebral adquirido (DCA) pode producirse por tres vías principais: o ictus, a parada cardiorrespiratoria —por anoxia cerebral, é dicir, falta de osíxeno no cerebro— e os traumatismos craneoencefálicos derivados de accidentes. En calquera dos tres casos, trátase de sucesos súbitos que poden afectar a calquera persoa, en calquera momento da vida e sen previo aviso, o que converte a prevención e o apoio a quen o sofre nun asunto que atinxe a toda a sociedade, e non só ás persoas afectadas ou ás súas familias.

Ficha do evento                  

 

Nome

I Marcha Prevención de Dano Cerebral

Data

Sábado, 24 de outubro de 2026

Hora de saída

10:00 h

Orixe

Rúa do Muíño Vello s/n (esquina rúa dos Agriños), O Milladoiro, Ames

Destino

Rúa Pedro Cabezas González, 3, Santiago de Compostela

Distancia

4,9 km

Duración estimada

1 hora e 37 minutos

Organiza

Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Novomilladoiro (AEPEM)

Colabora

Concello de Ames, Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela

Inscrición

8 € (inclúe inscrición, seguros e donativo)

Inscrición fila 0

3 €

Camiñar é, en si mesmo, unha das medidas de prevención primaria máis eficaces fronte ao ictus e ás doenzas cardiovasculares. Os empresarios do Milladoiro queren fomentar hábitos saudables .

A colaboración entre a Asociación de Empresarios e a asociación de Dano Cerebral para organizar esta marcha solidaria responde a unha lóxica vencellada á saúde: une prevención, sensibilización, convivencia e activación. Camiñar é, en si mesmo, unha das medidas de prevención primaria máis eficaces fronte ao ictus e ás doenzas cardiovasculares. Os empresarios do Milladoiro queren fomentar hábitos saudables, tanto en deporte como en alimentación.

 

 

Descrición detallada de cada etapa

Etapa 0 . Inscrición simbólica: Aportación: 3 €.

Etapa 1  ·  Centro Multifuncional, rúa dos agriños S/N, O Milladoiro, Ames.  →  Novo Eixo sostible ata chegar á rúa da Benéfica de Conxo

      Distancia: 2,5 km   ·   Tempo estimado: ≈ 48 min

Etapa 2  ·  Rúa da Benéfica de Conxo →  Rúa Ramón Baltar

      Distancia: 0,9 km   ·   Tempo estimado: ≈ 14 min

Etapa 3  ·  Rúa Ramón Baltar  →  rúa Suarribas 

Distancia: 0,6 km   ·   Tempo estimado: ≈ 11 min

Etapa 4  ·  Rúa Suarribas  →  Instalacións da Asociación de Dano Cerebral Compostela: Rúa Pedro Cabezas González, 3 (Santiago de Compostela)

      Distancia: 0,6 km   ·   Tempo estimado: ≈ 23 min

Nos últimos metros á chegada ao destino dentro do parque estarán esperándonos algún usuarios do Centro da asociación de Dano Cerebral Santiago de Compostela con quen comprobaremos o difícil que é transitar con mobilidade reducida .

Enlace Google Maps á ruta

Camiña connosco: cada paso é prevención, cada donativo é axuda real para que a Asociación de Dano Cerebral Santiago de Compostela poida ampliar as súas instalacións

Scroll ao inicio