A Concellería de Normalización Lingüística organiza por quinto ano consecutivo a Edición do ‘Premio Lingua e Empresa’. Con esta iniciativa, o Concello de Ames quere promover o uso do galego nas actividades económicas, así como na actividade empresarial da zona.
Poderán optar aos premios todas aquelas empresas con sede social ou centro de actividade no Concello de Ames, sempre que as empresas ou representantes das mesmas expresen o seu desexo de participar.
Os premios están divididos en dúas categorías. Por unha banda, entregarase un galardón a unha empresa que faga un uso diario do galego dende hai máis de dous anos. Por outra parte, premiarase a unha empresa que, creada hai menos de dous anos, empregue o galego dende a súa posta en marcha.
En concreto, valorarase o uso da lingua galega tanto na comunicación externa como na interna das empresas, ademais do impacto que a actividade empresarial poida ter en sectores de especial importancia no proceso de normalización lingüística.
A dotación económica dos premios será de 3.000 euros en total, repartidos de xeito equitativo entre os gañadores de ambas categorías. Ademais, levarase a cabo unha campaña de difusión das empresas premiadas na emisora de radio municipal, Ames Radio.
Para participar nos premios, poderase facer o envío de propostas até o día 18 de novembro a través dos seguintes medios:
1) De xeito telemático, a través da sede electrónica do Concello de Ames.
2) De xeito presencial, previa cita e aportando a ficha de inscrición, na Oficina do Rexistro Xeral en Bertamiráns ou na Oficina do Rexistro Auxiliar de Milladoiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Pode obter máis información sobre esta iniciativa contactando co Servizo de Normalización Lingüística, co Departamento de Promoción Económica ou visitando a páxina web do Concello de Ames, onde poden consultarse as bases dos ‘Premios Lingua e Empresa’.